Saturday 18 de May de 2024

O PSOE de Ordes denuncia o estado de total abandono da área de lecer de Vilagudín e pídelle ao Concello que proceda á súa restauración


O PSOE de Ordes denuncia a situación de total abandono da área de lecer a carón do encoro de Vilagudín polo que lle pedirá ao Concello de Ordes a posta en marcha de medidas de restauración e conservación desta zona natural. Así mesmo, unha vez que a zona se atope en condicións de ser utilizada pola veciñanza, os socialistas solicitan que se inclúa na páxina web municipal como punto de interese turístico no Concello de Ordes.

A voceira municipal socialista, Verónica Gómez, explica que “o encoro de Vilagudín e a súa contorna son un espazo natural espectacular que debería estar debidamente acondicionado para o seu desfrute polos veciños e veciñas de Ordes. Sen embargo, o Concello de Ordes demostra unha vez máis que a política medioambiental non é unha das súas prioridades, como amosa o total abandono desta área de lecer, co mobiliario urbano roto e onde a maleza invadiu a zona dos bancos e das parrilladas”.

Os socialistas ordenses solicitarán na próxima sesión plenaria que o Concello de Ordes realice os traballos de desbroce, arranxo e posta a punto desta área de lecer, así como que informe da disponibilidade desta zona de lecer tanto á veciñanza como a todos cantos visitan o municipio. “En Ordes temos uns atractivos naturais moi importantes, o que precisamos é dun Goberno que saiba poñelos en valor”, apunta Verónica Gómez.